O CASTELO DE SOBROSO
Totalmente restaurado pola Xunta de Galicia e o Concello de Ponteareas (seu actual propietario), o Castelo de Sobroso é unha das poucas edificacións de este estilo existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
É punto de parada obrigada para tódolos turistas que visiten a comarca, xa que está aberto ó público. Dende as súas torres pódense contemplar amplas panorámicas de toda a zona.
O dominio da nobreza durante a Idade media, representada polo Castelo de Sobroso, foi de gran importancia. A historia da comarca do Condado corre parella á de esta fortaleza, que xa se falaba da súa existencia no século X.
Seu nome ven dos “sobreiros” ou corticeiros que existían nas súas inmediacións e sábese que na idade media foi un dos castelos máis importantes do bispado de Tui.
Sobresaíu nas loitas entre os partidarios de Dona Urraca e de seu fillo o futuro emperador Alfonso VII, en 1117.
No 1379 foi entregado por Xoán I a Pedro Ruíz de Sarmiento, señor de Ribadavia e adiantado maior de Galicia.
Foi de notable importancia esta construcción nas loitas feudais do século XV, en favor de Álvaro de Soutomaior que gozou del ata o levantamento irmandiño, a raíz do cal o tivo que abandonar, sendo esta unha das fortalezas que foi derrubada polo sublevados (1467). Pasou por varias mans ata que foi adquirido polo conde de Torrecedeira que o vendería posteriormente a Alejo Carrera Muñoz. En 1981 é adquirido polo concello de Ponteareas, seu actual dono.
Foi cabeza da xurisdicción do seu mesmo nome, que desapareceu no 1833, o levarse a cabo as actuais divisións administrativas.